SOBRE O PROXECTO

Os libro discos, (Pitusa Semifusa, 2014; Pitusa Semifusa e os estilos musicais, 2017) publicados ambos dentro da colección Sonárbore da Editorial Galaxia, da autoría de Olga Brañas e coas ilustracións de Leandro Lamas son uns impresionantes proxectos comandados pola pandereteira folk e que ofrecen un mollo de cancións pegadizas e de alta calidade musical, como é característico nesta colección (onde xa viron a luz os traballos de Mamá Cabra ou María Fumaça).

Ademais, pretende aprenderlles aos nenos e nenas as familias de instrumentos e os estilos musicais dun xeito lúdico e ameno. Para iso, Olga Brañas rodeouse dos músicos e músicas máis importantes do panorama galego, como Uxía, Sérgio Tannus, Ramón Bermejo, Quim Farinha, Anxo Pintos, Sonia Lebedynski, Pedro Pascual ou Santi Cribeiro. É unha proposta para gozar da música dende as idades máis temperás, xa que está inspirado na forma de aprender das cativas e cativos a partir dos 3 anos de idade.


 

SOBRE A AUTORA

Olga Brañas é Licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, ten o Grao Profesional de piano (Conservatorio profesional de Música de Santiago de Compostela) e o Máster en Profesorado de música (USC). É membro de Brañas Folk dende hai case dúas décadas, onde ademais de ser instrumentista é compositora e arranxista. Ademais, leva anos adicándose á ensinanza musical en Escolas Infantís e Escolas de Música, actividade na que se inspirou para facer estes proxectos tan didácticos coma divertidos.


 

SOBRE OS ESPECTÁCULOS

Pitusa Semifusa (a trío, sobre as familias de instrumentos)

O espectáculo apóiase en instrumentos de xoguete, pois a explicación destes e das súas características son o fío condutor dun concerto onde o máis importante é a interactuación das cativas e os cativos, e tamén de adultos que os acompañen. A cantante Andrea Picos caracterízase de Pitusa Semifusa, o virtuoso guitarrista "brasilego" Sérgio Tannus de irmán de Pitusa e Olga Brañas de avoa que lles vai ensinando os instrumentos e as súas peculiaridades. As pequechas e pequechos bailan, cantan, tocan instrumentos e incluso nalgún momento suben ao escenario e experimentan sensacións moi positivas.

Pitusa Semifusa e os estilos musicais (con banda, sobre os estilos musicais)

Despois da boa acollida de Pitusa Semifusa, este proxecto, que explica os diferentes estilos musicais (folk, reggae, funk, rock, pop, swing, blues, etc.) é máis ambicioso ca o anterior en canto ao directo, coidando máis a escenografía e constando dunha banda de seis persoas: Pitusa Semifusa (Marta Bravo, voz) e as súas amigas e amigos: Eva Domínguez (baile e animación), Narci Rodríguez (voz, guitarra), Olga Brañas (teclados, pandeireta, coros), Pablo Vidal (baixo, contrabaixo, coros) e Carliños Freire (batería). Por suposto, tamén neste espectáculo bailan, cantan, suben ao escenario... E pásano pipa!

Esta segunda entrega de Pitusa, sendo ideal para as idades de infantil, abarca un abanico máis amplo de idades, enganchando tamén a nenas e nenos maiores.



LIGAZÓNS DE INTERESE

Brabrádegos:
Xa podes tocar o acordeón e non confundilo co saxofón!

Crítica de "Pitusa Semifusa e os estilos musicais" de Emilio Rodríguez en La Voz de Galicia:
"Pitusa Semifusa - os estilos musicais"

Entrevista a Olga Brañas sobre Pitusa Semifusa e os estilos musicais, de Rocío Castro para Sermos Galiza:
"Pitusa Semifusa - sempre crear bos ouvintes cara ao futuro"

Videoclip de Pitusa Semifusa:

Vídeo promo Pitusa Semifusa e os Estilos Musicais:

Vídeo dun dos espectáculos de Pitusa Semifusa e os estilos musicais: